Unha corrente de aire pasa ao meu redor converténdose en vento. O meu paseo está fixado de antemán, e procuro seguir o camiño, pero ás veces dubido se desviarme polo sendeiro ateigado de trevos e bordeado de margaridas. Non! -penso- segue o teu camiño. Pero os carreiros vellos e fermosos tiran por min. Como non o van facer: nun deles os dondos paporrubios xogan a agacharse entre as pólas coas follas tinguidas de vermello; noutro son as rulas esveltas as que trilan arrolos para adormecerme; naqueloutro os subeliños pasan en grupo deixando unha estela rosada. Dubido que camiño coller, cando o aire ventoso me vai empurrando polo marcado.
Déixome levar.
Sempre dubidando.
Non importa, todos os camiños me levan ao mesmo lugar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario