domingo, 3 de marzo de 2024

Ti e mais eu somos guías



Na vellez a fraqueza é un intre. Ese intre no que descubrimos as mans esbrancuxadas e as palabras atragoadas. As divagacións e os automatismos. As olleiras púrpuras e os espasmos. É neste momento débil cando a mente constrúe un labirinto emocional. Só se atopa a saída collendo da man e lanzando bicos para que camiñen seguros por estradas lisas e cálidas. 

Agarra a man e nota a pulsión quente e brava. Aí esváese a debilidade para volverse pedra. 

Pregunta e as palabras demoradas forman o poema neuronal.

Mira as meniñas escintilantes e saberás que es a amarra no mar bravío.

Somos o seu gps neste mundo que se lle desfai como unha placa de xeo. Nada é o que coñeceron. Nada. Só ti e mais eu. O resto é un universo paralelo no que non rexen as mesmas leis cá neste. 

Ti e mais eu sabémolo.

Ti e mais eu reconstruímos o caos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario