venres, 17 de maio de 2024

Chove

Xusto no intre exacto en que abro a porta para ir dar un paseo, empeza a chover. Cada vez con máis forza e en vertical. Ben sabemos neste país que a chuvia pode caer de calquera lado, mesmo de abaixo. Pero esta cae trazada a fío, coas grosas gotas rebotando nas lousas. Láiome do inoportuno do dioivo, que amola o paseo con lectura. Pero non podo senón abraiar coa fermosura da auga que cae. É auga limpa, que revela o ton puro da paisaxe. Arrastra calquera resto de cisco na atmosfera.

Auga pura. É inevitable o símil no meu cerebro. Auga que arrastra canda ela o superfluo, os restos...  O pasado tamén? Auga bendita ou bendita auga liberadora. Estou tentada a poñerme baixo ela para que leve os soños putrefactos, as teimas destrutivas, as ansias esgotadoras.

Chove sobre a herba e as lousas. Cae auga fresca na auga estancada, e a pía desborda botando fóra os lixos e os bechos mortos. E as rosas ábrense para que esvare a vida polos seus pétalos mentres os gatos foxen.



Ningún comentario:

Publicar un comentario