O ceo deu unha lección de xeometría grazas aos avións e ás baixas temperaturas aló enriba. Estelas cadradas, paralelas, romboides, triangulares, perpendiculares... Fixen a viaxe mirando ao ceo máis que á estrada. Non daba creto ás cuadrículas celestiais. O firmamento era un xogo. Adoita presentarse como un óleo de pintura figurativa: aquela nube semella unha man, aqueloutra un coello... pero hoxe cambiou a arte pola ciencia. Ata que outros avións, estes aves semellantes ás andoriñas, voaron enriba de min facendo curvas irregulares, rompendo coa linealidade das rectas.
Non puiden evitar pensar en mamá e papá e a teima que tiñan de mirar cara ao ceo e contar as estelas dos avións. Quizais estaban imaxinado como sería a súa nova residencia (está claro que os dous están alí, nese ceo fermoso, cálido e dondo que sempre procuraron) ou se irían ata alá nun deses avións que pasan rozándoo. Escóitoos aos dous, sentados no soportal, preguntando polo destino de tanta xente. Gústame pensar que esperaban subir por unha vez nun aparello deses con destino ao ceo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario