Teño un problema que non sei como solucionar. Trátase dun armario; o de mamá e papá. É antigo, de carballo, e estivo sempre no seu recadro de espazo, fronte á cama ao lado da xanela. Quero refacer ese cuarto inerte. Saquei a cama, tirei roupa. Pero o armario turra por min. Teño un debate interno que me rompe. Tíroo? Está algo roído da couza, os caixóns non encaixan ben... Hai razóns para desfacerme del.
Pero é antigo, de madeira nobre. Como tiralo?
Dicotomía lóxica se non fose por outro parámetro que non tiña en conta e que é o que me mantén neste estado. A señardade dos dous. Tirar o armario é botalos do seu cuarto, expulsalos definitivamente de min. E doe. Había tanto dentro, non só roupa, tamén anacos de cada un de nós.
Aínda os necesito, aos dous. É máis doado escoller unha lápida ca tirar un armario.
De momento buscarei unha solución salomónica: queda pero reconvertido nun andel con portas de cristal. Creo. Quizais non.
Quizais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario