domingo, 19 de maio de 2024

Macela con anís

Pasado o tempo andamos máis relaxados. Paseamos pola casa, sen présa; facemos o que nos pide o corpo. Falamos. Non hai malas caras. As fins de semana vivimos sen horarios, demorámonos na cama, vemos unha serie, lemos ou ollamos como cae a chuvia.

Imos deseñando espazos futuros, acomodándoos a nós, ás nosas necesidades. Non é doado. Son deseños mentais, cheos de señardade e dúbidas por tirar o que poderei botar de menos. Medo a borralo como po, como se tirar un armario fose desamor. Agarro unha goma que borra espazos pero non lembranzas... 

A dor da perda é diferente ás demais, aparece no centro do estómago, non no peito, non no corazón. No estómago para revolvelo todo. Un estómago revolto revoluciona o corpo enteiro e así nada funciona ben, nin o cerebro, nin o equilibrio, nin as emocións. O tempo será a macela con anís estrelado.

Obrígome a vivir e, sobre todo, a saír da miña zona de confort. Collo o coche unha tarde de temporal para ir a unha obra de teatro en Pontevedra, nunha zona descoñecida para min. Hai medo á chuvia e ao vento; hai medo aos desvíos descoñecidos da cidade; hai medo ao aparcadoiro no lugar, pois cónstame que é alí precario. Medos que, por fin, non me paran.

E así, entre choros e risas vivimos na orfandade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario