Hai unha protesta xeral no meu corpo. Os músculos e os tendóns convocaron unha manifestación para reclamar menos presión laboral e finalmente puxéronse en folga colectiva; xuntáronse e apertáronse entre eles para facer forza común. Terei que acceder, con gusto, á súa petición de sesión de fisioterapia semanal.
A boca tamén ten reclamacións que facer: solicita que se arranxe a carie do premolar. Deixeino andar pero négase a seguir adiante nestas condicións e fixo un piquete que impide entrar as defensas provocándome sensibilidade nas moas e enxivas. Teño que acceder de novo a esta petición, cousa que me amola ben.
Como non, o cerebro apuntouse á folga e esixe mellores condicións laborais; non accedín de primeiras, así que está xogando comigo. Inventa cousas para angustiarme, facéndome ver enfermidades graves en calquera dor, mancha ou formigo.
Non sei como chegar a un acordo xusto con el. O corpo dime que eu saberei, que lle propoña cousas e el irá aceptando... ou non. E aí ando, facendo achegas que nunca lle serven. Menos unha que admitiu hai uns días e nos veu ben ás dúas partes. El eliminou o rigor das últimas semanas e eu saín vitoriosa da miña zona de confort.
Ningún comentario:
Publicar un comentario