Unha pregunta amable desbórdame. Xa que logo deduzo que aínda non rematou o proceso -o loito-. E retorno a marzo e abril, á primavera cálida e inquietante. Aos bicos, aos abrazos, ás bágoas, ás palabras de amor.
E á dor.
E ao amor.
Un día falarei do amor na vellez. Tan puro e perfecto que pode provocar a morte. Que saberá de amor a mocidade? Tan só coñecen a parte da paixón e a luxuria. As películas románticas deberían estar protagonizadas por anciás. Eis o amor. Pero diso xa falarei. Hoxe retrocedo.
Cando penso
que te fuches...
Todo evolúe ata que...
...volven as palabras.
E con elas o nó e o fume.
Non me preguntes.
Non fures en min un buraco polo que poida cuspir.
Neste oco retórcese a memoria
proxección da ilusión de eternidade
eternidade pausada
eternidade que se esvae
Latexos nas paredes de estómago
que o contraen -sístole/diástole-
coma un acordeón hiperventilando
música
non segue o ritmo dos dedos
dos pulsos
dos brazos
o exceso de aire desafínao.
poida que o rache
Ningún comentario:
Publicar un comentario