Hai uns días veu papá de visita. Xa sei. Andrómenas. Sécolas. Non llo comentei a ninguén.
Nin sequera sei explicalo de forma racional. Recoñecín o seu aroma nun lugar concreto da casa e axiña se me encheron os ollos de bágoas. Xa o ulira antes, no seu cuarto ou no corredor de arriba. Pero ese día ocorreu onde non adoita. Quedei parada alí uns minutos, porque sabía -quería crer- que alí estaba, ollándonos desde a porta, a Manu e a min, tranquilos, sentados no salón vendo unha película. E que quedou ledo. Esperoume e marchou.
Si, xa sei, é irracional. Posiblemente reconstruín no meu cerebro un momento da película que acababamos de ver. Non sei que dicir. As bágoas marcan a diferenza con outras veces. As bágoas e a certeza.
Non houbo medo. Non houbo dor. Foi un abrazo perfumado de laranxa.
Curiosamente, hai uns anos, escribín un contiño no que pasaba algo semellante.
A mente é unha gran malabarista e a carne crédula.
Ningún comentario:
Publicar un comentario