domingo, 1 de setembro de 2024

1 de setembro


Día 1 de setembro. Desde agora son profe doutro centro. Lembroumo hai un intre a plataforma E.LBE, cando quixen seguir escoitando o audiolibro de Almudena Grandes. Xa está. Empeza oficialmente a miña nova vida. 

O primeiro que fixen foi saír do grupo de whattsapp do anterior insti. Non podo ser unha intrusa; alguén ocupará a miña praza, o meu oco profesional. Pelexarei para coarme pola porta aberta de cando en vez, mentres estean os meus, e, sobre todo, as miñas; por manter a amizade de quen alí quede ou marche. Sempre queda cisco detrás dun, células que se desprenden e se agochan en recunchos inesperados.

Mañá é luns e asistirei, manca, ao primeiro claustro, con compañeiras e compañeiros novos. Ilusión e vertixe xuntos. Para min é a oportunidade de poñerme de novo a proba. De non cometer os mesmos erros, de facer novas amizades, de ter outra perspectiva.

Agora podo recoñecer que levaba un par de anos desenfocada, autoanulada, sentíndome forasteira, atrapada nun círculo cada vez máis estreito, sen saída. Era eu a ausente, ben me decataba. Alí estaba o meu mundo paralelo -ledo, amigo- e funme afastando sen pretendelo, quizais amarrada polo cansazo e a monotonía.

Un día souben que era hora. 

Añorarei. Como as hortensias a auga na calor do verán. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario