Ando algo celosa estes días. Os meus fillos anciáns queren máis a Ela, a coidadora, cá min. A Ela, mamá fálalle e come todo o que lle dá. Papá só ergue da cadeira para dar un paseo se Ela o acompaña. Tivemos sorte de atopala. A Ela. Moza noviña e fermosa. Vímola chea de vida, con moita terra por diante na que cabalgar. Algo brava e salvaxe, deixaba un rastro de aire puro nesta casa viciada de senectude e enfermidade. Ela consegue con paciencia sacarlle a mamá as verbas retidas na mente e que papá ande, beba e xogue as cartas; que os dous sorrían, esquezan e acalmen. Ela, tan noviña, namorou os dous velliños.
E vendo isto, nós tamén acalmamos, respiramos aire fresco algo envexoso. Permítenos manter unha parte normalizada da vida.
Que importante é a axuda! É que preciso escollela ben! Neste caso apareceu na casa e nós soubemos recoñecela. Foi doado, só tivemos que seguir as pistas, as areíñas mundas que ían quedando ao seu paso; os pequenos pero inmensos detalles: unha mirada, unha caricia, a delicadeza, a alegría... O día que a coñeceu, mamá acariñou a súa longa melena negra e invitouna a durmir con ela. Papá sorría e segue sorrindo.
Ás veces chega cabalgando no seu cabalo dourado.
Entrañable por afectivo.
ResponderEliminarGrazas. O afecto cómpre recoñecelo!
ResponderEliminarQue bonito que se recoñezan as voas cousas
ResponderEliminarSempre. É unha obriga moral corresponder, agradecer, recoñecer...
EliminarQue fermoso e real!
ResponderEliminarÉ tan real. Canta paz nos trouxo!
EliminarQue fermoso por ambas partes,por un lado ese recoñecemento ,e polo outro esa gran labor que, con un pouco de cariño canto se lle mellora a sua vida
ResponderEliminarGrazas. É preciso recoñecer a axuda que nos permite seguir adiante cada día e respirar. É doado darlles cariño; eles tamén nolo dan cada día. Somos afortunados.
ResponderEliminar