luns, 19 de agosto de 2024

A ventá do norte


Na casa hai unha ventá que dá ao norte. De cando en vez pouso nela para ollar o monte escuro e as estrelas brillantes. Tamén para escoitar o canto das avelaionas ou da noitébrega.

Disque caen Perseidas estes días, así que fun ver o cacho de ceo que me mostra a xanela do norte. Decátome que xusto diante de min está a Estrela Polar, inalterable, sempre á mesma altura, entre a Osa Maior e Casiopea, enriba, moi enriba, dos piñeiros do monte. Ollándoa esquecín as estrelas fugaces e as permanentes. Todo desapareceu agás Ela e a escuridade. 

Pensei nos millóns de anos luz que nos afastan. Sepáranos o tempo, non a distancia. Por lonxe que estea estouna vendo onda sempre pero poida que a súa luz xa se apagase. Luz vella, antiga, morta quizais. Podo viaxar ao pasado desde a ventá que dá ao norte, ao monte, ao frío e á escuridade viva da noite.

Ningún comentario:

Publicar un comentario