sábado, 17 de agosto de 2024

Casa de meu


Sento ao fresco da tardiña en compaña da pega que cada día vén coller o pan e dos gatos lacazáns. 

Estiven varrendo as follas que caeron nas lousas da entrada e pensei, por vez primeira, na propiedade da casa. Nunca a quixen, sempre me pareceu pobre e fea, pero co tempo fómonos afacendo as dúas, unha á outra. A propiedade é unha esixencia, ademais de responsabilidade, sobre todo se é de vello. Aquí nacín eu, e miña nai. Aquí gárdanse as lembranzas e as fotos da familia, mesmo escrituras, cartas e testamentos desde 1808, cando a invasión francesa.

Síntome a conservadora do patrimonio e dos ancestros. E dos rituais e crenzas. O amor pola natureza e, sobre todo, polos animais tamén foron herdados. Por iso esta casa pesa, e moito. Intento alixeirala con tino. E xa a fun cambiando nos últimos anos, adaptándoa a min e aos tempos. 

Agora no sitio das vacas e os porcos e as patacas e cebolas na barra hai un xardín con pegas e gatos e libeliñas e saltóns.

Agora gústame, ámoa, mesmo coas escaleiras irregulares, as paredes grosas e a baldosa inestable. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario