xoves, 15 de agosto de 2024

Mutación na fase 3

Ultimamente ando a voltas coas fases vitais porque estou entrando na que eu denomino fase 3, a da sabia madurez, a da verdadeira independencia, a de dicir e facer o que me peta.

As fases veñen marcadas pola metamorfose  porque en realidade cambiamos de corpo. Durante o período das fases non engordamos ou avellentamos de forma controlada, como pasa de xeito habitual. Non. Mudamos, transformámonos de forma incontrolable. Nestes cambios de fase deixámonos ir, e cando remata poñemos remedio, se é preciso, ao que non nos gusta.

Fun eiruga durante a fase 1 no ventre materno, do que saín muller, de pel branca, pelo escuro e crecho, ollos marróns con pintas verdes... Mutei de novo para facerme muller -fase 2-, e o corpo reinventouse, estourou en curvas e pelo. E construín o meu ser novo. Agora na fase 3, o corpo anda outra volta revolto. Non sei como quedará cando remate. Cando chegue ese intre farei os axustes necesarios e readaptarei o pensamento á situación. 

Ás veces hai unha fase 4 antes da fin. Non a quero pasar. Nela o corpo e a mente disócianse, e a mutación é a nivel cerebral. Daquela é o corpo o que ten que adaptarse.

Co paso do tempo, decátome de que esta fase 3 é a mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario