mércores, 14 de agosto de 2024

Seniliscencia

Que lles pasa ás nosas nais e pais na vellez? É complicado entendelo; tanto como para eles e elas asimilar a propia decadencia. Hai un período de dislocación que non saben controlar. É como unha volta á adolescencia, unha seniliscencia da que nunca se falou. Cando se chegaba á vellez ou se seguían os seus consellos, ou quedaban illados por falta de tempo. 

Hoxe nós queremos poñernos ao mando pero non están en actitude de abandonalo. Vense ben e queren gobernar unha vida que se complica. Non admiten imposicións; queren impoñer. A base de ordes, ameazas ou chantaxes. Aparece un egoísmo que non se vai (só desaparece de palabra ante a xente de fóra) ata que realmente se ven incapacitadas ou inválidos. Daquela déixanse coidar, porque foron derrotados na batalla pola vida. Ou a mente ou o corpo apáganse. É o orgullo de ter chegado ata aquí e ata agora, organizando a súa vida e a dos seus. O orgullo de saberse útiles. E unha vez abatidos, esixen os coidados que á súa vez deron a seus pais e nais.

Queren seguir o camiño, non son capaces a sentar na beira a ver pasar o tempo. Imos cara a alá. 

O seu corpo, cal rexo carballo, cóbrese dun espeso brión que os agocha, os asfixia. E só queren poder aspirar o aire da mocidade, sen aceptar que este xa non volverá a ser fresco e puro. Outros respiramos por eles.

Poñámonos na súa pel, somos uns nenos e unhas nenas que lles dámos consellos e ordes. Aceptariamos iso nós? Ou resolveriámolo con rebeldía? 

Ás veces cómpre falarlles con amor; outras con voz marcial. E darlles tempo a asimilar a situación; pasar os tempos a pasiva, darlle a volta ao suxeito e enganar sutilmente coas palabras: non veñen facerche a comida, ti vaslles ensinar a facela. 

Nesta situación, toleamos. 

Aceptamos a súa chantaxe emocional? 

Sacamos as armas para impoñernos?

Mírao aí sentado ollando a nada. Míraa coa cabeza baixa e a bágoa de impotencia asomando timidamente.

Saberás. Comprenderás a súa debilidade. É a etapa complicada antes da senilidade total.

É difícil reverter os papeis. Paciencia e amor. E moitos ánimos a quen toca coidar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario