martes, 27 de agosto de 2024

Mercurio retrógrado

Imaxe de Pixabay

Nunca crin no horóscopo nin nas conxuncións planetarias. Ata hoxe. Levamos uns días, xa semanas, nos que a vida vén atravesada con accidentes repentinos. Empezou cun cacho de casca de ovo cocido agarrado na gorxa de miña curmá; nada perigoso pero si tan doloroso que requiriu intervención cirúrxica. Seguiu co gato vomitando máis da conta. Despois unha caída estúpida que rompeu a cabeza do meu radio coa inmobilización do brazo. Tres días despois é miña irmá a que escorrega na bañeira e manca o ollo e o nariz. Nese intre, outro veciño cae na casa e lesiona o ombreiro; acabará en urxencias un par de días despois. Onte foi esplendoroso: un neno cae da bicicleta e o guiador esmágalle o peito; señora N. cae na estrada e queda feita un cadro denegrido e a outra curmá cáelle aceite fervendo na barriga, menos mal que estivo atenta e foi pequena a queimadura.

Non sabemos se regarnos con auga bendita. Hai quen fala de que Mercurio está retrógrado e iso afecta a pequenos accidentes. Falta un día para que se deixe de estar nesa posición. Paciencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario