mércores, 7 de agosto de 2024

Hai días


Os días preséntanse monotemáticos. Parece unha confabulación casual. Por razóns inexplicables contactei con persoas de ámbitos e lugares ben diferentes.  

O luns foi o das antigas amizades. Pasei unha deliciosa tarde con amigas, que son ex compañeiras de traballo. Falamos e paseamos. Canto o botaba de menos, canto as añoraba. 

Despois falei cun coñecido arxentino que vén facer o camiño de Santiago. Hai anos compartimos a illa de Ons, uns correos e a ausencia. Ata hoxe.

Finalmente apareceu Alé no whatsapp, ao que hai anos que non vexo e botámonos de menos. Compartimos fotos e comentamos a vida. Día de reencontros.

Hoxe é o día dos arranxos campestres. Puxemos o xardín en condicións: cortamos o gramón, endereitamos plantas e arbustos, distribuímos testos. E pola tarde, no meu descanso do café, os do concello limpan as cunetas.

Días de vivir sen reloxos. Lentos, pasmados, co aire morno acariñando a pel. Un audiolibro, unha crema nos pés, un doce na boca. Todo sabe a vacacións. Son as primeiras ás que realmente podo chamar así porque non hai remorsos, dúbidas ou medos.

Son días de relaxación, da vida feita amodo, deixándoa levedar ao seu ritmo. Ollo como medran as glicinias, sigo o baile das bolboretas, adapto a miña respiración á dos gatos que dormen á sombra... e sabe ben.

Hai días que merecen ser vividos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario