mércores, 1 de maio de 2024

Falade e bicade

Pasan días, horas. Pasan lentamente, douradas, coma un solpor eterno. Ao corpo cústalle afacerse a este tempo silencioso, demorado, vagaroso. E segue erguéndose ás horas que adoitaba para recibir, para duchar, para merendar, para ollar...

Pasa o tempo e o nó volveu formarse no peito; non sempre, ás veces. Xa se sabe, cando non se espera. Pero é outra a dor. É a da orfandade de aloumiños. A quen lle canto?, a quen lle leo?, a quen bico e acariño? 

Nada. Sensacións lóxicas, supoño. Pero non foi liberador, como imaxinei. Poden as lembranzas doces a todo o demais. Que sorte terme despedido, telos coidado, e bicado e amado. Que sorte que marchasen sabendo o amor que lles tiñamos e o noso agradecemento polo que construíron.

Falade, bicade, amade. Que os vosos ollos observen os seus, as mans acollan as súas e a boca diga o que xa é hora que escoiten.

2 comentarios: