De cando en vez vivimos momentos intensos. Esta mañá acaeceu un deles. Foi unha sorpresa emotiva e chea de cariño. O alumnado de 4° despediunos as dúas profes que deixamos o centro. Elaboraron toda unha performance na que simulaban unha pelexa esperando a nosa intervención. Sorprendéronnos con cadanseu ramo de flores e unhas cartas ben fermosas.
É o segundo ano que me din que son poeta. O curso pasado comentáronme que eu vía o mundo con ollos de poeta. Este, lembráronme que se me iluminaban os ollos cando falaba de poesía. Non sei se elas e eles, desde a súa perspectiva adolescente, perciben algo máis ca min.
Dixeron cousas moi fermosas, algunhas inesperadas por quen as pronunciaba. Vin bágoas disimuladas e outras que caían como ballóns.
Durante un curso sempre hai momentos delicados, a maioría agradables, e que o alumnado recoñeza o labor é reconfortante. Ás veces expresan o que significamos para eles e elas, deixándonos tremendo ao pensar o importantes que somos na súa vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario