luns, 3 de xuño de 2024

O oficio dos anxos


HADO. Acrónimo de Hospitalización a Domicilio, pero ben podería ser de Hai Anxos de Oficio.

Meus pais foron usuarios desta asistencia hospitalaria na casa. Mamá durante os últimos anos; papá apenas unha semana. Temos, xa que logo, coñecemento do seu traballo, pero, sobre todo, da súa humanidade. Non chega con ser unha persoa para traballar en HADO. Para ser un anxo cómpre moito máis que estudar medicina ou enfermería. É precisa unha carne e unha osamenta alimentadas dun sangue escaso e perfecto. 

Posúen, ademais, unha calidade especial: a sutileza. Entran pola porta para traer calma e apoio. E nós queremos agradecérllelo pero facémolo torpemente, con palabras repetidas, miradas que abrazan, mans que agasallan. E sabemos que todo é pouco. Que darlle a un ser celestial, a un espírito de bondade? Só as grazas. E responderán que é o seu traballo. Si, tamén o divino ten unha parte humana, pois equivócanse; o seu traballo é coidar, dificilmente curar, e si paliar. Aí está o elemental. Daquela, como agradecemos a tranquilidade que transmiten, o cariño amable para o enfermo, o trato delicado coa familia? Como o tempo de máis que demoran nas casas dos pacientes que esperan (e esperamos)? Como as miradas de comprensión e as palabras de ánimo?

Grazas, desde o corazón, por coidalos e coidarnos, por dar medicamentos, palabras que reconfortan, consellos, solucións e paz.

O voso oficio é ser anxos de garda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario