mércores, 12 de xuño de 2024

O meu cadro

Ando desorientada. Teño ante min varios camiños polo que tirar e sei que debo percorrelos todos. Podo ir correndo para facelo rápido, pero acabarei esgotada. Ou podo ir devagar. Non teño présa; é o meu cerebro quen me impulsa a correr, sen razón. Será o costume quen o guía. 

Agora, á miña idade, sigo necesitando aprender leccións elementais: pisar o freo, vivir lentamente, facer o que me peta, recompoñer o meu universo.

Entro nunha fase nova con todo por crear. É unha táboa rasa, e, por vez primeira, teño eu as cores e os pinceis. Dá vertixe pensar no cadro que quero compoñer. 

Irei amodo. 

Collida dunha man segura,

para descubrir o cadro

que me espera ao outro lado de min.

Terá brancos e rosas. Verdes e laranxas.

Algún azul turquesa. E amarelo.

Verase a fraga e o mar.

O val e o río.

As pegadas na herba fresca

mollada polo orballo.

Veremos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario