Que facer co noso ateísmo? Non creo, ou iso creo. Fun educada na crenza en Deus, na oración, na ladaíña do rosario e nos cantares do mes de maio. No xaxún da Semana Santa e a misa dominical.
Hai tempo que fuxín deses rituais. A lóxica científica agarrou en min, muller de letras. Sei que nada hai. Sei que o conto medrou, como fan hoxe outras historias; estas duran pouco porque se vive correndo e axiña aparece outra que deixa a anterior nunha nube de lixo inmaterial.
Entendo a necesidade dun ente a quen adorar ou culpar. Un guía, un gurú que nos leve da man. Amólame que esta idea estea afogada na economía. Se non fose así, mantería a lóxica da xustiza: ama, non roubes, coida...
Pero a aldea somos un, e a igrexa tamén é miña. Nunca serei mal recibida e continúo pagando as flores, como facía mamá. Síntome parte do grupo, aínda na ausencia. Papá e mamá fanme volver e alí irei feliz para seguir sentíndoos.
Non é intre de pararse a pensar nas crenzas, senón nos ritos. Igual que pasamos o loito, acompañados polas veciñas e veciños, familia e amizades, precisamos seguir o ritual para manter a lembranza. Seguimos necesitando consolo, e esa misa que os dous quererían será un sinal máis de amor. Cambiou a perspectiva, non as crenzas. Estaremos en comuñón, igual que as rosas colocadas do cemiterio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario