domingo, 2 de xuño de 2024

A malabarista somnámbula

Floto apoiando as plantas dos pés nun cordel fino. Dou os pasos con lentitude, amodo, acomodando ben a planta. Con moita parsimonia utilizo os brazos para manter o equilibrio. O corpo procura a tensión xusta, nin ríxida nin feble. E a presión da atmosfera mantenme estable.

Manteño a vista na rocha que teño enfronte. Míroa sen pestanexar, fixamente; así evito buscar o fondo do val. Tampouco quero ollar atrás. A rocha esténdeme as súas mans de area agrisada. Observa como avanzo e chama por min.

Noto como a corda se crava nos pés endurecidos. teño un suco profundo, encalecido, desde o talón ata a deda central. Está tan duro coma a sola do zapato. Un rego arado na rocha durante unha vida.

Pasa un miñato sobre min; debemos estar a mil metros sobre a superficie do mundo. 

Treme a corda co aire frío. Penso que detrás de min algo avanza máis rápido. E a corda segue abalando. Empezo a perder o equilibrio; os brazos móvense como ás de galiña intentando agarrarme á nada. Esvaro e caio a cámara lenta, son unha pluma oca. Agárrome coas mans e espernexo creando correntes  que atraen ao miñato.

Os dedos afrouxan co meu peso e ábrense cortes polos que sae o sangue. Xa está. Abro as mans e descendo devagar, toda estirada. O miñato ponse ao meu lado e guíame. Móvome coma el. Colócase diante e eu vou no seu ronsel. É el quen me leva ata a pedra. 


Baleiro e sombras perséguenme.

Son un axóuxere sen son, movido por un furacán.

E sigo na corda cos dedos sangrando

parada no medio da nada.

Non hai vento de balde

pero si monstros amables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario