xoves, 20 de xuño de 2024

O complexo antipolicrático

Teño unha relación especial con Rosalía de Castro. Amo a súa poesía, tanto a leda -as folliñas novas- como a escura -os ramallos de toxos e silvas-. Imaxino o seu medo ante a lectura dos seus poemas: que pensarán?, como me atrevo?... Mil dúbidas na súa cabeza, por escribir, por desexar, por morrer e ver morrer. 

É posible que sufrise o complexo de Polícrates (pensar na infelicidade no momento de maior gozo), e así o reflicte en moitos dos seus versos: tembra cando no mundo / sintas unha dicha inmensa: / val máis que a túa vida corra / cal corre a iaugua serena. Parece que a escoito detrás de min. E nese punto vital evito estar eu. Hoxe en día pretendo gozar o momento -duro pero tranquilo-; procuro os instantes de relaxación e pracer como unha menciña milagreira. E cando estou gozando dese intre sinxelo e relaxante, aparece esa acomplexada voz rosaliana.

E penso, tamén eu temo os momentos ledos?; tamén creo que traen desgrazas? Ou é ao revés, un complexo antipolicrático: estas ledicias son o pago dos momentos de abafo? 

Poida que só sexa unha cadea que roda, un círculo vicioso que nos marea. De novo todo é relativo: a ledicia trae desgrazas, ou as desgrazas traen ledicias? Rosalía cría no primeiro; eu procuro o segundo. .O que nos acontece determina a perspectiva do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario