Ilustración de Manuel Marín
A vida na aldea sempre trae agasallos, eses pequenos e raros milagres para quen se emociona coa presenza de bichos pouco habituais.Desde dentro da casa oín un ruído descoñecido. Soaba ben forte a través das grosas paredes de pedra. Procurei o son que viña do exterior. Achegueime á xanela e oín como se fose un sapo barítono dándoo todo, un pavarotti anuro. Ao pouco escoitouse un bater de ás a ras do chan, forte, ruidoso, curioso. A noite só me permitiu escoitar. A escuridade era tal que nada se vía máis aló do círculo do farol.
Tocaba pescudar. Este blog naceu como diario de paxaros avistados. E a noite pasada volvemos á orixe. Había que investigar e atopámolo: unha noitébrega, ou avenoiteira, ou... ten moitos nomes. Visítanos no verán.
Tamén volveron as andoriñas a voar polo Xogo. Benvidas sexan porque comen os mosquitos.
E agora temos unha pega marza no xardín. Vén comer o pan que Manu lles deixa alí.
Parece que volve a vida e négome a ver nada negativo na noitébrega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario