domingo, 2 de xuño de 2024

Tarde de domingo



A campá de Dimo toca ás seis. Os grilos poñen a melodía do verán que se aproxima e unha pomba sobresae, como un chelo, cos seus arrolos. Agora é a campá de Santa Baia. Cal vai adiantada ou atrasada? Segundo o meu móbil a de Dimo adianta. Ao lonxe óense fogos, lembranza do inicio da temporada de festas. Moitas parroquias celebran hoxe o Corpus, con comuñóns de meniñas noivas e rapaces ken. Son agora ladridos dun can que pasea aos donos e balbordos de rapazada os que se camuflan entre coches e motos que se aceleran nesta tarde apouvigada para min. Tranquila, cálida e refrescante asemade.

Doca en estado puro. As pegas e os corvos grallan. Non poderían calar? Espertan a miña responsabilidade laboral. Devezo polas vacacións lentas, sen mañá que lixe o cerebro, sen conciencia rosmando. 

É o son do vento nas árbores a paz. Son os grilos a festa. As bolboretas, a felicidade. A miña mirada queda cativa na bolboreta amarela que revoa sobre a glicinia malva. 

Tarde de domingo na aldea. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario