martes, 9 de xullo de 2024

A roseira rancorosa


Teño unha roseira que quero moito pero da que me esquezo durante o inverno. Ten unhas espiñas crueis, que me reprochan o abandono. Hoxe limpei o testo no que vive entre a herba que medrou salvaxe estes meses. Cando me fixei nela vin que é un pau case seco rodeado de herba frondosa; só un par de follas me avisaron que seguía viva, por obra e graza da auga que lle botei de cando en vez. 

Achegueime a ela con coidado pois lembro as feridas doentes que me ten deixado. E arrinquei amodo as grandes herbas que sobresaían: espigas bravas, herba da rabia, pelo de lobo... Cando me sentín segura, fun polos trevos pequeniños. E aí traboume a condenada! deixoume dous dedos da man dereita aguilloados e unha mordedela no brazo esquerdo que ben podería ser dun vampiro. Dúas picadas regulares, separadas entre si por uns cinco centímetros. Craváronse na carne á vez, as dúas, como o ferrete dunha nespra afervoada.

Aínda así continuei cos seus coidados. Ben merecido tiña este ataque. Sei que axiña me perdoará o abandono ofrecéndome unha das rosas máis fermosas do xardín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario