Desde a xanela vexo o mundo enteiro, pero como deixo as contras abertas, o mundo tamén me ve. Realmente, non me importa. Non hai nada novo que ollar en min que non fose visto con anterioridade.
Son carne, disposta con máis ou menos graza, coa mesma cor, pelo e voz cá de miríades de persoas. Seguro que hai copias de min polo mundo adiante. Sei dunha que vive na Coruña, disque é xaradiña a min, en todo: pelo, voz, xeito de vestir, acenos...
E o que hai dentro de min tamén está repetido e repartido polo mundo. Millóns de persoas pensan e viven coma min. Non me preocupa que me vexan porque son unha area máis, sen importancia ningunha. Tamén che digo que detrás das contras quedan faíscas agochadas.
Gústame estar nesta xanela para ver a paisaxe común. Estou nunha atalaia observando unha terra cha interminable. Vexo cousas inexplicables e alá, na outra punta, destella un telescopio que me enfoca. Aquel territorio é descoñecido. Podería ser Nova Iorque ou Hong Kong. Hai alguén aí?
Ningún comentario:
Publicar un comentario