mércores, 3 de xullo de 2024

Po de papel

Estou estes días a voltas co papel e co papelame tamén. Explícome. Recollo os refugallos que fun amoreando no departamento do instituto. Sobre todo exames, traballos e documentos que estaban condenados a solidificarse alí. Rachei o superfluo e triturei o importante -os datos-. Tanto esnaquicei que o reloxo intelixente que conta os meus pasos marcaba máis de doce mil sen erguerme da cadeira (vese que conta o movemento das mans tanto coma o dos pés) e os meus polgares quedaron doridos. Xa sei, podería telo feito ao longo do curso, mesmo durante os anos pasados... pero esperei ata que puiden asegurarme de que realmente marchaba.

Entrementres, pensei no tempo que pasou desde a morte de papá e mamá, para arranxar todo o papelame pendente. Aínda falta un certificado de algo, non lembro cal. Procuro non furgar nos documentos que me lembran a orfandade.

Aínda queda un terceiro papel, a fábrica que o constrúe. Matino nela mentres trituro os restos esquecidos no fondo dos andeis. Eu desfago. Ence e Altri fan. Pregunta: non chega con reciclar o que temos?, ou é máis custoso que fabricalo de novo? Deberiamos diminuír o uso pero aumentámolo para suplir o plástico. Como equilibrar o meu desacougo moral? Polo de pronto, facéndome socia de Greenpeace.

Remata a tarde e o po branco de celulosa cae sobre min, como unha nevarada seca.

Non me gustou nin un só dos papeis cos que enredei: uns esmagáronme; outros, entristecéronme; e os últimos, cabreáronme. 

Só me gusta o papel no que escribo; pero este diario fágoo no ordenador. Aforro papel.

Papel. Papelaría. Papelame. Papelorio. Papelina. Papeleira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario