venres, 19 de xullo de 2024

Palabras curativas

Non deixo de atoparme con coidadoras, sobre todo mulleres, con pais e nais aos que coidar. Todas precisan falar, botar fóra o que queima, xestionar a mestura de amor e rabia, cuestionar ese odio repentino e casual que non se sabe onde nace. Preguntas que tal? e ábrese a billa das palabras doentes, dos lamentos e da emoción.

Respondo o mesmo: primeiro es ti, cóidate. É normal o que sentes. Esta etapa de berros e conciencia rota pasará. Virá a tranquilidade e a paz no espírito, e decataraste porque xa só pensarás en facelos felices. E, sobre todo, pide axuda.

Temos un grave problema social e as administracións non saben nin parece que queiran atallalo. Avanzamos cara á vellez. Seremos anciás e mereceremos unha vida digna. Cómpre empezar a preparar o noso futuro. Eu só vou querer amor e comprensión. E compañía. Como sociedade estamos colocando as bases sólidas? 

Para cando unha asociación de coidadoras e coidadores? 

Ningún comentario:

Publicar un comentario