venres, 19 de xullo de 2024

Pasos con traspés


Esta foi a miña andaina matinal: menta brava e estrugas, unha alivia o proído da outra; anacos de eucalipto invasor que quedaron da tala oficial; fochancas que ninguén arranxa e todos sortean; Monster oxidado entre as silvas; a rula e o chasco falando a distancia; achas de piñeiro ordenadas para o inverno; Coca Cola apertada por unhas mans encalecidas; cabaliño do demo negro descansando na flor; sinal de stop comesto polo brión; Luís asubiando; Power King abandonado na cuneta; flores azuis; auga do Crabeiro correndo; castiñeiros serigrafiados; marcos marcados; Estrella Galicia sen estrela dentro; pólas de carballo caídas tras a masacre; máis fochancas; auga Fontiña seca; pexeguiños querendo madurar; vides, silvas e fentos enleados nunha batalla polo territorio; Chesterfield aprodrecendo; Manolo paseando co can; Kas de limón amarelo limón; corvos grallando no fondo do monte; néboa fresca; Booster sen enerxía; motoserra no monte sementando táboas; floriñas amarelas e moi amarelas; Winston xa non de contrabando; madreselvas flotando como faíscas perfumadas.

Sae o sol entre a néboa que se ergue. E ardo. Busco a sombra da casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario