luns, 15 de xullo de 2024

Correo interno

Ola papá: aquí estou diante de ti. Non sabes o que te boto de menos. Xa sei, estás pensando que non hai razón para iso, pero si hai. Preciso o teu sosego na miña vida apurada, necesito oír como me dis que non hai problema, que todo ten solución, que todo volve ao seu carreiro. Cando me atopo nunha situación complicada penso en ti, e sei o que me dirías. Tranquilízasme desde onde te atopes. Non o comprendín ata que marchaches. Que doada era a vida contigo, e que saborosa! Penso en ti e o chocolate aparece na miña mente igual cás miradas de satisfacción.

Ti só querías amor, palabras doces e asemade enérxicas que afastasen do teu lado os temores. Cada un fixémolo como ben soubemos. Coñecémoste ben e sabiamos como funcionaba o teu organismo.

Coñezo as túas cicatrices. Pecho os ollos e o meu dedo rodea o sinal que tes na caluga; e acariña os vultos do brazo e do pulso; sigo fregando o teu lombo forte e cortando as túas unllas. Recoñezo ese corpo como a esencia do que es –si, es, en presente-. E procúrote en cada intre. Non me sentes cando vou visitarte? Non oes cando che digo o orgullosa que estou de ti? Non percibes a caricia no mármore? Non me escoitas no teu cuarto?

Vémonos, papá. Quérote.

 

Ola mamá: que dicirche hoxe que non che dixera antes! Tivemos anos para falalo todo e todo o falamos, coas palabras, coas mans, coas miradas, cos silencios. Bótote de menos. Todo o traballo parece hoxe unha nimiedade. Volvería a peitearte, e lerche os meus libros, a contarche as historias inventadas, a alimentarte. Sabes? Véxote nos vídeos gravados e nun deles disme que me queres ao teu xeito, e mándasme un bico eterno que recibo sempre fresco.

Tamén che pido consellos. E disme de forma clara que farías ti. Segues sendo a miña guía moral. Deixaches o camiño a seguir ben pisado e procuro non saír do carreiro.

Ah! Continúo plantando flores no xardín e régoas todos os días. Puxemos de novo un emparrado cunha enredadeira chamada bignonia nonseique onde estaba a viña. Volverá a facer fresco no noso comedor. Sei que estarías orgullosa de min e diríasme, unha vez máis, que ben o fixeches!

Espero que che gusten as flores que che deixo; que chegue ata ti o seu arrecendo; que me escoites cando che digo que te quero, e que vexas que non esquezo a túa rosa; eu seguirei coa túa promesa.

Mañá falamos de novo, mamá. Quérote.

Ningún comentario:

Publicar un comentario