Fun mercar flores. É quizais unha paixón para min. Entrei no espazo do cactos. E alí, entre pinchos e secura, emocioneime. Xa había tempo que non me pasaba, pero segue aínda, horas despois, presa en min.
Son demasiado voluble. Demasiado feble de ánimo. Pero só ás veces. Xa me demostrei a min mesma que son pura forza.
Ademais de flores decorativas que alimentan a alma (rosas, caraveis e flor de seda), merquei outras plantas que alimentan o corpo. Chícharos, leitugas e acelgas.
Que fermoso ramo, todas xuntas, para recibir.
Pero o invernadoiro está inzado de caracois, que naceron hai pouco. Son pequeniños, máis pequenos cá unlla do meu dedo mainiño. E aínda así devoran con voracidade cada gromo novo ao que poden acceder.
Houbo matanza. Morte indiscriminada entre o plástico. Nais e crías asasinadas para garantir unha pequena colleita de sabor a terra. Nese intre non fun débil nin dubitativa. Fun cazadora e recolectora. A voz do pasado antropolóxico guiou as miñas mans.
Ás veces, a emoción non casa coa evolución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario