Finde tranquilo no interior, da casa e de min. A choiva e o vento furioso retéñennos entre as paredes. Durmimos, limpamos, lemos, traballamos, cociñamos e amamos. Cousiñas sinxelas e liviás que me fan feliz.
Ollo as árbores inclinándose por este vendaval. Un cable despréndese do seu poste e queda deitado no patio, coma unha longa serpe co rabo enleado na camelia. O eucalipto, que miro de esguello con xenreira, resiste os embates, igual cás mimosas, que hoxe viviron bicando o chan e chovendo flores amarelas. O invernadoiro mantense imperturbable, botando un pulso ao vento. Sábese gardador de vida tenra que debe acoller e manter cálida.
E nós, almas febles, ollamos a catástrofe amparados por muros de rexas pedras. Reina a paz aquí dentro nos detalles, na vida regalada...
E mañá sairemos ao temporal, voarán o pelo e a roupa; as palabras, pola contra, serán suaves para que non danen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario