A noite do inicio. Ti e mais eu. O padal cheo de sabores; a mar, a terra, a azucre. A mirada posta na eternidade no preciso instante en que o doce sabor das uvas nos dá azos para unha nova vida, que nunca será nova, nin distinta. Só queremos intres de cambio.
É amable este comezo. Quere ser tamén tenro.
O mundo organízase só ao meu redor. Eu, sentada na butaca, embriagada de paz, observo, toco as copas, brancas e tintas, termando do ar, como a forza dun imán impedindo o contacto, repeléndome.
Miro os seus ollos, xa comestos, e sinto amor. Miro os seus ollos, de caramelo, e sinto amor. Teño o que quero. Nada esixo. Só intres de felicidade.
O día. Frío e calmo. A auga da pía quixo coxelarse e a herba volveuse branca para saudar as primeiras raiolas.
Visita aos que permanecen e me procuran. Emoción, palabras e bicos. É a familia.
A felicidade foi, hoxe, a caricia chea de amor. A que recibín; a que dei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario