Esta semana é sensorial. A miña pel detecta o pracer no aire quedo e estremécese. Un guecho de pelo móvese só na caluga e esparexe cóxegas no cerebelo. O olor do palisandro ateiga o cuarto e o seu recendo entrando polo meu nariz detenme absorta, alí. Un grolo de viño repousa húmido e fragrante no padal, invadindo a mente de terra e froitos vermellos.
Este pracer sensorial converteuse nunha adicción. Só preciso poñer os sentidos alerta e andar amodo. Un simple dedo pasando polo pulso latexante domíname.
Sofía peitéame e acariña a superficie capilar cando cos dedos remexe o pelo para que o aire quente o seque. Un pracer ansiado que remata co aroma perfumado de elixires arredor da miña cabeza adurmiñada.
A felicidade: sentir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario