martes, 7 de xaneiro de 2025

Martes 7 de xaneiro

Sabe o corpo que mañá hai que traballar e demórase inconsciente na cama. Soa o vento fóra; entran faíscas de luz polas contras a medio pechar. Vai o cerebro acordando, como querendo tomar o control do corpo nugallán.

Chega a tarde e venta aínda con máis forza. Voan as poucas follas que se mantiñan apegadas, fan equilibrios os paxaros destemidos. Entre o son rouco de fóra reorganizo algunha cousa, subo flores, baixo mesas, cambio cafeteiras e abro pastas de té.

As pastas chaman polas cuncas retiradas no chineiro. Cuncas Royal Albert de lindas flores. E as cuncas queren saír xunto o ramo que centra a sala. E entre todas -cuncas, pastas e flores- berran que queren té, mentres fóra ouvea o aire tolo.

A felicidade: sentirme unha british lady tomando un saboroso té con pastas ás cinco da tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario