Hai un paporrubio rechamante no vello cordel de estender a roupa. Observa a vida desde o alto cando unha pega rabilonga pousa a certa distancia del. Vese que é un lugar axeitado para descansar. Ese vello cordel xa esfiañado ten un novo uso. Agora é unha pomba a que pousa entre os dous; o paporrubio dá un saltiño lateral para facerlle sitio. Co peso desta última, o cordel cede un pouco, un case nada. A pega gralla e os seus berros atraen a súa parella desde o ciprés onde aniñan, e pousa ao seu carón. A pomba abre as ás para manter o equilibrio. Xa son catro na vella corda, que se arquea polo peso. Aínda hai sitio para unha bubela con ganas de leria. As pegas afástanse dela visiblemente incómodas, ata que foxen voando. Detrás desaparecen a pomba e o paporrubio. A bubela baixa por un verme e lisca con el na boca. O pobre cordel queda só abaneando coas ausencias.
É complicado explicar o que se sente cando sufrimos un alto nivel de ansiedade. Eu visualízoo cunha goma. Estirámola e estirámola e a goma alóngase e afínase, pero soporta a presión exercida sobre ela. De cando en vez esa presión diminúe sen que a goma modifique apenas a súa forma, quizais recupere algo de grosor de xeito case imperceptible. E, de novo, estírase e estírase. Se se fai en exceso, rompe, evidentemente; así que cando vemos o perigo suplicamos en silencio que se deteña, mesmo logramos facer algo por evitalo. Ou non, e todo remata.
Pero o problema xorde cando de súpeto se deixa de tirar da goma; esta afrouxa visiblemente e comeza a vibrar, por momentos de forma atolada. E aí está o asunto. Nese momento en que remata o problema que tensa a goma ou cando chega un período de distensión empeza a tolemia: non razoamos de forma adecuada, porque nos sentimos mareadas con tanto impulso caótico, e de novo volve todo de forma incompresible.
Cando esperamos a tranquilidade chegan os nervios, as neuras, as dúbidas, as dores; e iso ponnos furiosas connosco e cos demais. Dinnos: estás de vacacións, goza do momento. E o cerebro replica: estás de vacacións; prepárate porque é o momento de centrar en ti todo o que antes non podías nin imaxinar. Como diría Rosalía (de Castro, non a cantante): Este barro mortal que envolve o esprito ¡quén o entenderá, Señor...!

Ningún comentario:
Publicar un comentario