xoves, 13 de xullo de 2023

Posición fetal


Ilustración de Manuel Marín

Hoxe espertei en posición fetal. Non lembro telo feito nunca. Loito por recuperar o derradeiro soño desta noite pero non son capaz. Sei que soñei, e que foi dinámico, activo, que pasaban feitos acelerados, pero non logro acordarme. Intrígame a posición fetal e moléstame non atopar unha explicación para ela. Quero volver ao útero, ser unha nena sen grandes responsabilidades... ou simplemente tiven frío e arrecuncheime para escorrentalo?

Retorno ás voltas na cabeza, ás razóns inexplicables. Busco solucións que quizais só sexan ilusións da mente, paxaros que voan na miña cabeza ateigada de ramas e follas secas. Teño que regar as plantas ou abrir a porta da gaiola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario