Paseamos polo monte coas ansias de ver paxaros, pero non é doado observalos. Polo xeral están agachados entre a follaxe e só o seu canto ou o seu movemento os delatan. Se quedan parados, semella que non existen, pero se se activan..., ai!, se se activan! Revoluciónano todo, alteran a paisaxe poñéndolle son e movemento. Unha boa bandada de ferreiriños ou bicos de coral é puro espectáculo de canto e danza.
Hoxe deille de comer a mamá. Foi complicado. Estaba ausente, adurmiñada, cos ollos case pechados, agochada entre os seus soños e desvaríos. As fazulas e o pescozo están abrasados por un eccema. A debilidade fai que sexa unha presa doada para fungos, virus e bacterias. Consigo que coma algo entre arranques de tose e miradas de súplica. Cando subo a durmir unha sesta, fágoo con desacougo, sospeito unha fin próxima. Á media hora baixo e observo a resurrección, unha vez máis. Algo pasou dentro da súa cabeza nun mísero intre, aquela velliña moribunda é unha muller con ganas de festa, bota as pernas fóra da cama e sacámola ao xardín, onde florece, entre malvas e margaridas, mamá.
Papá ponse fóra da nosa vista, para que non lle digamos que vaia pasear ou beba auga. Adoita sentar fóra, ao lado da porta, a mirar o paso dos avións ou as leas das gatas. Unha vida repousada, agochada entre as súas follas protectoras: o soportal, a parede e a cancela que o illan dos perigos. Pero papá aínda baila se a música é a que lle gusta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario