mércores, 5 de xullo de 2023

Son mala persoa?

Hai temas tabús que non debemos tratar baixo ningún concepto. Non se trata de usar eufemismos; non. Simplemente non se falan e punto. Non é pudor. É non parecer inhumana, sanguenta, cruel... o peor da humanidade. Como imos falar disto se nin sequera aceptamos a eutanasia, se repudiamos o suicidio?

Escoito voces agochadas, murmurios de fume, ecos insonoros que me traen palabras que non se deben pronunciar. Que non se deben pensar sequera. Desbotámolas da nosa mente así como aparecen porque nos fan sentir animais primitivos, homínidos salvaxes. Vémonos fóra da tribo, apartados a pedradas. Pero... Pero ultimamente chegan rumores, sílabas entrecortadas de xente que se sente enterrada en vida. Para min son un caldeiro de auga fresca que me cae enriba, con dor e alivio, porque me fan ver que non son a única persoa repulsiva. Quen non sacaría de enriba a lousa que o esmaga? Quen non cortaría as flores máis fermosas se estas non paran de facerlle feridas e lle impiden o paso? Hai momentos, milésimas de segundo, no que un chega a esperar, quizais durante un nanosegundo incluso desexar, que morra un ser querido. Non é para "librarse de", senón para poder vivir sen o peito oprimido. Sei da dor que ten que vir, o sufrimento que se aproxima e non quero velo, non podo imaxinar ese final terrible. Tamén vexo que a vida xa non é tal;  perdeuse o movemento, a comunicación. A conexión vital cada día é menor e sinto que a candea se apaga, que a chama está esgotándose e queimando con dor a súa pel.

Non son mala persoa. Son humana.

E ti, que me acusas co teu dedo, non entendes nada. Non tes dereito a entrar no meu territorio emocional, non tes dereito a xulgarme nin a decidir o que debo pensar. Ese é o meu espazo privado, e desde el podo berrar, soñar, sufrir, concibir, gozar ou mesmo anularme. Ti non podes acusar, non tes argumentos dentro de min. 

Non, non son mala. Son eu. Somos nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario