xoves, 6 de xullo de 2023

Un día ouriolo

Os ouriolos son fermosamente esquivos. Son o verán, a ledicia que non é doado atopar. Procuran os espazos ben verdes e frescos, cheos de árbores ao lado dos ríos; e entre tanta verdura, con sorte, pódese ver pasar un raio de luz, un anaco de sol, un rastro de ouro que case parece un soño.

Hai días que son como os ouriolos. Raramente fermosos. Hoxe foi un. Sóubeno no momento en que espertei; sen alarmas, sen ruídos, sen queixas; espreguizándome con calma; abrindo os ollos de vagar; sentindo as cóxegas das sabas azuis. 

Almorzo sen presa. Vivo unha mañá tranquila. Organizo un armario. Como saboreando.  Pola tarde un San Francisco sen alcol nunha terraza agradable onde os pardos pardais semellan alegres; as pegas son elegantes e un estorniño deixa de ser negro para ser puro brillo entre a herba verde. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario