Non hai dúbida. As coidadoras padecemos a síndrome de Estocolmo. Xa sei que nosas nais e pais non son secuestradoras nin abusadores conscientes, pero no fondo si o son. Retéñennos ao seu lado sen pretendelo; máis ben somos nós mesmas quen nos secuestramos, nos encerramos na gaiola con elas. Xa o dixen noutras ocasións, a conciencia rumia e regurxita ata o minúsculo lixo que se agocha entre as súas paredes.
A situación é amolada; inmobilízanos ao carón dunha cama, dunha cadeira de rodas, dun sofá ou dunha necesidade. Sabemos que estamos na gaiola e anímannos a saír dela pero... Dicimos que si, coa boca pequena ou coa grande; preparámonos para fuxir, baixo a luz da dúbida; buscamos na mente escusas febles para manternos encerradas, medos inocuos que dan risa, que non nos convencen nin a nós. Pensamos que non precisamos aire novo, que o corpo quere durmir e só na nosa cama o fará tranquilo... Mil pretextos parvos. E cando logramos saír do cárcere, porque nos botan, seguimos coa mente nel. E dese tempo de liberdade, gozamos apenas unha décima parte.
Asegúrovos que na seguinte saída será do vinte por cento; e na seguinte, do trinta... e así de forma exponencial. Cando máis tempo se prolonguen as saídas, máis difícil será fuxir do círculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario