Estou de vacacións no traballo. Procuro estalo tamén na miña mente. Que complicado resulta! Busco espazos, retiros físicos ou mentais. Libros, series, tarefas, saídas breves, autocoidados... Ata fixen unha pedicura que me deixou nun estado de relaxación inusitada. Combino pilates, fisioterapia e salón de peiteado. Non está mal. Coido o corpo e a alma á vez. Estes tres piares axúdanme a manter a mente no corpo e o corpo a punto. Preciso sentirme ben pero tamén verme ben.
Son como un paxaro que se oufana por adondar e limpar as plumas, un paporrubio que se peitea co peteiro e saca os parasitos que molestan. Pero falta un cuarto pé para suxeitar este moble corpóreo; as drogas legais, as que controlan a entrada ao cerebro da serotonina e doutros neurotransmisores. Contratei uns porteiros cerebrais para que controlen por min quen entra ou sae na miña cabeza; fan ese traballo que eu non son capaz de exercer neste intre vital. Agora, neste momento exacto, estou na póla dun carballo, mirando as leiras sementadas co sol de fronte acariñándome e reflectíndose no meu papo. Que dure este intre!
Ningún comentario:
Publicar un comentario