Onte foi un día perfecto. Case perfecto pois xusto os intres do amencer e do anoitecer percorreron entre sombras. Madruguei sen pretendelo e sen conseguir prender no sono, así que propúxenme mellorar o día cunha actitude optimista. Un paseo matinal pola praia parecía perfecto e foino. Á volta sentei na mesa cunha comida deliciosa que cociñaron para min. Logo, unha pequena sesta seguida dunha fresca e tranquila tarde relaxada. Finalmente unha clase de pilates, de intensidade xusta e desconexión total. Todo perfecto. Chego e teño unha cea sa e deliciosa preparada esperándome que comparto con El. Excelente remate do día, penso. Pero apareceu. Sen avisar e de forma inesperada, como unha visita pesada no momento máis inoportuno. Aí está, sen prevela, a angustia no peito. Envío un ansiolítico para atallala, pero demórase de máis en actuar. Estou a piques de tomar un segundo cando busco o amparo dos brazos amantes, e así, arrolada pola tenrura, comunicando a miña frustración vou calmando ata durmirme. Cómpre estar alerta, non baixar a garda ante esta negra sombra que me asombra, que nos asombra, e que no mesmo sol te me amostras, te nos amostras. Querida Rosalía, que ben a coñecías!
Ningún comentario:
Publicar un comentario