luns, 17 de xullo de 2023

Sentimento de Compostela

Recuperamos Compostela. Desta vez priman os sentimentos da cidade. 

Empezou coa Berenguela dando as doce badaladas da medianoite, doce bágoas íntimas, desacougantes, que chaman polos devotos. Pero tamén polos que non o somos, instalándose nas entrañas e rebotando o seu eco visceral en cada órgano do corpo, expandíndose desde o estómago. Ten un son triste, profundo, morriñento e melancólico, cunha gravidade que reflicte ben a nosa alma pesarosa á vez que evoca a chuvia e friaxe do inverno galaico. Repenica no cerebro e fainos buscar dentro de nós para recuperar as ausencias, detectar os pecados, os medos a as leis privadas, íntimas, por ver se foron quebrantadas ou incumpridas.

Continuou coa ledicia visual e sonora dun grupo de peregrinos mexicanos, entraron cantando, vestidos de cores e tocados de longas plumas exóticas. Percorreron as rúas facendo que todos se xirasen para fotografalos. Invitaban ao baile e á ledicia.

No Obradoiro detémonos a ver a vida e a pedra. A vida de tanta xente á chamada de... misticidade, paisaxe, aventura ou devoción. Pero en todas estaba presente a emoción. Un grupo dunhas seis mulleres entra cantando, axiña enmudecen ante a catedral; un par delas bótanse a rir, tres empezan a chorar; abrázanse e repítense a si mesmas que o conseguiron. Pregúntome se conseguiron algo máis que chegar; quero crer que si. Outro grupo anima e aplaude ás mulleres ao ver a súa emoción. Centos de persoas tiradas na praza mirando ao mesmo punto. Observo a pedra da catedral, traballo infinito dos canteiros, enxeño dos arquitectos, o soño do mestre Mateo rematado e levado por todo o mundo apreixado nos móbiles. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario